Biografía

Dores Tembrás naceu en Bergondiño en 1979. Licenciouse en Filoloxía Hispánica no 2001. Logo dunha bolsa predoutoral da UDC e de diferentes estadías investigadoras en Suecia, Madrid e Bos Aires defendeu a súa tese doutoral: La obra poética de Alejandra Pizarnik. Arquitectura de un desencuentro (2008).

Ao longo destes anos desenrrolou a súa actividade como investigadora na Universidade da Coruña, publicando numerosos artigos sobre a obra poética de Alejandra Pizarnik en actas, revistas científicas e volumes colectivos adicados á literatura hispanoamericana.

Está a piques de sair a súa contribución nunha obra monográfica sobre a poeta arxentina, editada por Cristina Piña, onde se recollen nove estudos de investigadoras especializadas na obra pizarnikiana.

En 2009 publicou o seu primeiro poemario O pouso do fume, que quedou de finalista xunto con Deter o día cunha flor, de Luz Pozo Garza na categoría de mellor libro de poesía nos premios da AELG 2010. Participou co micropoemario Esquiagrafías na Revista das Letras. Tamén na antoloxía elas, e noutros volumes colectivos e revistas.

En diálogo coa obra do pintor Manuel Suárez escribiu un micropoemario, aínda inédito, sobre os 15 cadros abstractos que compoñen De la serie de María, cristalizados nun libro de artista que viu a luz recementemente, con motivo da súa exposición na galería Moret Art.

Collage