Diapositivas a clareo
Diapositivas a clareo*, Dores Tembrás, 2010





Para miña nai



             I


                             A elegancia é un corpo
                             unha forma de ser desde a pel para o vento
                                  Miguel Anxo Fernán Vello



encarnación dos versos
por ela
remitida a ti propia
entre vapores de la

ramaxe de liño seco

o gume da que vén
inhalas




             II


co primeiro raio
muselina de hidróxido
metamorfose da burbulla
en miñoca

saia enlamada
por herdanza
na inclinación dorsal
que te bota do rego




             III


nai

calamidades
a contramán
no peto descosido
do mandil

cal vivo
ou roupa a clareo
porque había de reparar eu?
baixo a blusa
como aguillóns
vértebras




             IV


sen beleza de tísica
na herba
estendes os lenzos
así
clareas os días
horas de mandil
engraxado
fosilizando o tisne
do peito

mentres te miro
xenuflexión
de lixivia
escorrentando
dos días
o ferro




             V


modificas
a traxectoria
pasándolle a pedra
á fouciña
e alí
cinguida de fracaso
no medio do camiño
sóbesme ao colo
para que unha das dúas
non se ortigue




             VI


fe

arquitectura
de canaveiras
para xudías hostís
eu deitaba clorofila
nas túas mans
entre os sapos
plataforma lunar

guiándome
invisíbel




             VII


enfaixar a renuncia
cada mañá
para o frío
antes do almorzo
combater
a prosperidade
para que non te sorprenda



__
* O 12 de marzo de 2010 tivo lugar en Vigo un recital organizado por María do Carme Kruckenberg, no día da muller traballadora. Con tal motivo editouse unha pequena antoloxía titulada elas. el, con poemas da propia María do Carme Kruckenberg, Lino Braxe, Pili Pallarés e os cinco primeiros textos do conxunto que aquí se publica baixo o título de Diapositivas a clareo. Os últimos dous poemas foron incluidos no ano 2011 na antoloxía feminista editada pola Assembleia de Mulheres do Condado: Mulheres entre poesia e luita.