Tatuaxes de fume (Prólogo de Teresa Seara)
[...] Pero desentrañar as ensinanzas en verdade relevantes que o pouso leva
inscritas en si mesmo esixe, primeiro, adquirir unha nova forma de
mirar –máis límpida e clarificadora por efecto das lágrimas que, dun
xeito inevitable, verquerá quen olle ao fume directamente– e, despois,
ser quen de filtrar as impurezas –o tisne, o cheiro– que poderían
adulterar as conclusións finais da esculca. Este é o duplo proceso que
seguiu, á hora de construír os seus poemas, Dores Tembrás porque,
aínda que todos e cada un dos versos deste libro están impregnados do
pouso, o minucioso labor de limpeza e decantación que a poeta levou a
cabo neles, e na propia linguaxe, fai que percibamos o esencial cunha
claridade meridiana. Por iso, moitas veces o eu adopta unha postura
contemplativa pois observa atentamente antes de actuar con rigor e
oficio xa que “o pasado regresa sempre cheo/ de trampas adorábeis/
elaboradas con premeditación e aleivosía”, enganos a sortear con
coidado, aunando, como fai a autora, vocación de cartógrafa e saber de
arqueóloga. As técnicas propias de ambas as artes aplicaranse ao labor
de recuperar as astelas nas que se fragmentou a memoria poñendo neste
empeño o mesmo exquisito esmero co que se atesourarían as pezas rotas
dunha valiosa vasilla milenaria para logo recompoñela. E así o eu
séntese convocado polos propios signos cos que enche as cuadrículas
–“neses días recollo anacos de palabras/ restos acarunchados/ que
clasifico por tamaño e rugosidade”, di– para despois ascender na
taxonomía (oración, verso, poema) até o culmen deste libro que ten
como materia medular a máis inconsútil e oculta: o pouso-memoria. [...]
[...] Polo tanto, a rotunda insubmisión perante a perda que manifesta Dores
Tembrás n’O pouso do fume sitúaa no ronsel das grandes voces que
reivindicaron o legado da memoria só que, no seu caso, existe un
traballo previo de descodificación e tradución dos complexos signos
trazados polo pouso para determinar o seu valor real. Certamente, se
nada desaparece mentres o seu recordo permaneza no substrato sensitivo
de alguén, non por iso se pode extrapolar de todo o que se lembra unha
mensaxe con valor universal. Do mesmo xeito, a arqueóloga cataloga as
pezas que recolle nunha excavación segundo a súa relevancia,
discernindo cales conteñen datos imprescindibles e cales son
secundarias para reconstruír o pasado. Eis un dos grandes retos que a
autora enfrontou para escribir este libro: lograr que nos sobrecolla o
desamparo da nena que agarda baixo a chuvia o paso do coche real, a
partida do avó a Cuba ou a agresión da couza sobre a casa pechada,
cando a nena é un ser anónimo na nosa biografía, descoñecemos a
filiación dese avó e a casa nunca nos pertenceu. Ou mesmo facer que os
anacos de louza, a botella do doutor Pinard, as pequenas puntadas do
ganduxo que desaparecerán ao estar a costura completa, a minúscula
cicatriz que fixo o pelouro, o alento suave das mimosas..., en
definitiva, o máis insignificante, deixe un pouso imborrable sobre
nós, os lectores. Se Dores Tembrás sae triunfante deste reto é porque,
negándose a seguir a propensión maioritaria de clausurar baixo unha
cicatriz de silencio as traxedias con que a vida nos proba, decide
romper o mutismo e cauterizar esas feridas cunha marca de fogo e de
palabras [...]